A campaña de control das bandas dos piñeiros captou xa o interese dos propietarios de máis de 5.000 hectáreas afectadas, o 90% na provincia de Lugo
⦁ A Fundación Arume, que leva a dirección técnica da campaña en colaboración coa Xunta de Galicia, está a recoller o interese dos propietarios que queiran entrar no plan de control
⦁ Medio Rural, a través de Seaga, encargarase das aplicacións de abonos foliares para fortalecer as masas de Pinus Radiata e aumentar a súa resiliencia fronte á banda marrón e á banda vermella
⦁ Na mañá de hoxe, mércores 13 de maio, desenvolveuse unha visita técnica a un piñeiral de Guitiriz tratado o ano pasado, onde se comprobou a eficacia das aplicacións
A campaña de control da banda vermella e da banda marrón, impulsada pola Fundación Arume e a Xunta de Galicia, está a xerar un importante interese. Propietarios forestais e comunidades de montes veciñais en man común solicitáronlle xa á Fundación Arume a incorporación na campaña de máis de 5.200 hectáreas de piñeiro radiata.
A Fundación Arume encárgase este ano da dirección técnica da campaña. A súa tarefa principal consiste na identificación e mapeo das parcelas forestais que os propietarios solicitan incluír nas accións de control das bandas.
Toda esa información é trasladada á Consellería de Medio Rural, que decide as parcelas nas que se intervirá en función de factores como as zonas prioritarias delimitadas, os accesos da parcela ou a loxística das aplicacións.
Nas masas finalmente seleccionadas, é a empresa pública Seaga a encargada da operativa da aplicación de abonos foliares. Estas aplicacións teñen como obxectivo fortalecer os piñeirais e aumentar a súa resiliencia fronte á banda marrón e á banda vermella, para mellorar o estado nutricional das árbores e incrementar a súa capacidade de defensa.
Os traballos de mapeo das parcelas atópanse xa avanzados e as actuacións de campo arrancarán en breve. Neste momento, a Fundación Arume ten 5.207 hectáreas identificadas en toda Galicia, das cales 4.726 (o 90%) corresponden á provincia de Lugo.
Na actualidade, a Fundación Arume continúa a recoller o interese de novos propietarios forestais e comunidades de montes que queiran participar no plan de loita contra as bandas.