‘Piñeiros 25’ marca os pasos para mellorar a xestión das masas de piñeiros en Galicia, de cara a consolidar a diversidade ambiental e económica do monte galego
Outro dos focos de ‘Piñeiros 25’, o evento organizado hoxe pola Fundación Arume en Santiago de Compostela, radicou nas tendencias internacionais de construción en madeira, unha liña de innovación na que xa participa a madeira galega
‘Piñeiros 25’, o encontro intersectorial do ecosistema forestal de Galicia, organizado pola Fundación Arume, abordou hoxe na Cidade da Cultura de Santiago unha serie de temas clave para o futuro da cadea forestal – madeira de Galicia, como son a sanidade forestal, a construción de vivendas en madeira ou a tradición cultural ligada ó piñeiro na comunidade.
Un dos puntos de atención da xornada estivo na mesa de sanidade forestal de coníferas, onde se contou con expertos chegados de Chile e Uruguai. Ese bloque da xornada orientouse a coñecer liñas de traballo internacionais que poden servir de aprendizaxe para Galicia, onde os fungos das bandas están afectando ó piñeiro radiata, unha especie con alta presenza sobre todo na provincia de Lugo.
Así, o subxerente do Centro de Excelencia Arauco Chile, Rodrigo Ahumada, apuntou a necesidade de avanzar en tres eixos: control da enfermidade, selección xenética para gañar en resistencia ós fungos e a definición de modelos de risco, en función de variables climáticas e ambientais, de cara a determinar as zonas máis axeitadas para as plantacións futuras de radiata.
Outra das opcións a considerar é o emprego dunha especie alternativa, o piñeiro taeda, que nos últimos anos está comezando a introducirse en Galicia. O director do centro Inia Tacuarembó (Uruguai), Juan Pedro Posse, explicou a experiencia do país sudamericano co piñeiro taeda, unha árbore que comezou a implantarse en Uruguai de xeito importante desde hai tres décadas.
En Uruguai, actualmente hai arredor de 140.000 hectáreas de piñeiro taeda, o que representa un 90% das masas de coníferas do país. Posse destacou que se trata dunha especie plástica, cun amplo rango de distribución, e que presenta propiedades satisfactorias para a industria, tanto físicas como mecánicas e químicas.
Como recomendacións, o director do centro Inia apuntou a necesidade de afinar na escolla de materiais xenéticos e dos emprazamentos axeitados para a plantación, así como definir o modelo silvícola máis acaído en Galicia (marco de plantación, rareos, podas).
O piñeiro taeda é unha especie que medra ben en solos ácidos e non encharcados, como os habituais en Galicia, pero na que é importante un control da vexetación de competencia nos primeiros anos.
A mesa de sanidade forestal completouse con Carlos Iglesias, de Finsa, que analizou a situación das masas galegas de piñeiro radiata afectadas polas bandas. Iglesias apuntou o risco de regresión dos piñeirais de radiata en Galicia e sinalou camiños para enfrontar a enfermidade. No curto prazo, as vías pasan polos tratamentos preventivos (abonos foliares, funxicidas) e polo manexo silvícola (podas, rareos), en tanto que a longo prazo o camiño é o da selección xenética de árbores máis resistentes ás bandas.
Outra opción que plantexou Iglesias é o emprego de coníferas alternativas, como o piñeiro taeda, do que xa hai experiencias positivas en Galicia, así como o estudo das zonas de baixo risco para a plantación do piñeiro radiata, unha especie que, insistiu, continúa a ser interesante para Galicia.
Construción de vivendas en madeira
A construción de vivendas en madeira, ou con estruturas híbridas (formigón – madeira), foi outro dos focos principais de Piñeiros 25. Igual que no caso da sanidade forestal, o bloque de vivenda en madeira contou con reputados profesionais, tanto de Latinoamérica, como a arquitecta Cazú Zegers, como de España.
A mesa de madeira orientouse a coñecer as tendencias de traballo a nivel estatal e internacional das que Galicia pode tirar aprendizaxes. O caso de Nasuvinsa (Navarra de Suelo y Vivenda), unha sociedade pública autonómica, é un exemplo de como a madeira se está a introducir nas promocións públicas de vivenda. Maitane Zuazu, de Nasuvinsa, presentou unha serie de edificios de vivendas que xa se fixeron en Navarra con emprego de distintas técnicas (CLT, entramado lixeiro) ou solucións mixas formigón – madeira.
Un elemento común das intervencións foi o de sinalar as vantaxes ecolóxicas da construción en madeira. Juan Antonio Gómez Pintado, presidente do grupo Vía Ágora, destacou a menor pegada de carbono da madeira, así como o aforro enerxético, a súa reciclabilidade e a mellora das promocións a nivel de biofilia. Outro factor a ter en conta é a prefabricación e a montaxe en seco en obra, o que axiliza prazos de entrega.
O piñeiro, elemento cultural de Galicia
Esta tarde, Piñeiros 25 péchase cunha mesa sobre o papel cultural do piñeiro, nunha mesa con participación da Fundación Castelao, da Fundación Eduardo Pondal e de Astilleros Catoira, unha empresa que mantén a tradición da carpintería de ribeira galega.
-
Sobre a Fundación Arume:
A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada por un conxunto de entidades da cadea monte-industria: asociación de propietarios forestais, empresas de servizos e enxeñaría, viveiros, serradoiros, fabricantes de taboleiro, Universidade de Vigo e Abanca. A Fundación traballa a prol do desenvolvemento do territorio, da súa multifuncionalidade, resilencia e biodiversidade.