Pino
de Galicia

control banda
A campaña de control das bandas dos piñeiros captou xa o interese dos propietarios de máis de 5.000 hectáreas afectadas, o 90% na provincia de Lugo

A campaña de control das bandas dos piñeiros captou xa o interese dos propietarios de máis de 5.000 hectáreas afectadas, o 90% na provincia de Lugo

⦁    A Fundación Arume, que leva a dirección técnica da campaña en colaboración coa Xunta de Galicia, está a recoller o interese dos propietarios que queiran entrar no plan de control

⦁    Medio Rural, a través de Seaga, encargarase das aplicacións de abonos foliares para fortalecer as masas de Pinus Radiata e aumentar a súa resiliencia fronte á banda marrón e á banda vermella

⦁    Na mañá de hoxe, mércores 13 de maio, desenvolveuse unha visita técnica a un piñeiral de Guitiriz tratado o ano pasado, onde se comprobou a eficacia das aplicacións


A campaña de control da banda vermella e da banda marrón, impulsada pola Fundación Arume e a Xunta de Galicia, está a xerar un importante interese. Propietarios forestais e comunidades de montes veciñais en man común solicitáronlle xa á Fundación Arume a incorporación na campaña de máis de 5.200 hectáreas de piñeiro radiata.

A Fundación Arume encárgase este ano da dirección técnica da campaña. A súa tarefa principal consiste na identificación e mapeo das parcelas forestais que os propietarios solicitan incluír nas accións de control das bandas. 

Toda esa información é trasladada á Consellería de Medio Rural, que decide as parcelas nas que se intervirá en función de factores como as zonas prioritarias delimitadas, os accesos da parcela ou a loxística das aplicacións.

Nas masas finalmente seleccionadas, é a empresa pública Seaga a encargada da operativa da aplicación de abonos foliares. Estas aplicacións teñen como obxectivo fortalecer os piñeirais e aumentar a súa resiliencia fronte á banda marrón e á banda vermella, para mellorar o estado nutricional das árbores e incrementar a súa capacidade de defensa.

Os traballos de mapeo das parcelas atópanse xa avanzados e as actuacións de campo arrancarán en breve. Neste momento, a Fundación Arume ten 5.207 hectáreas identificadas en toda Galicia, das cales 4.726 (o 90%) corresponden á provincia de Lugo.  

Na actualidade, a Fundación Arume continúa a recoller o interese de novos propietarios forestais e comunidades de montes que queiran participar no plan de loita contra as bandas.  

A campaña de control das bandas dos piñeiros captou xa o interese dos propietarios de máis de 5.000 hectáreas afectadas, o 90% na provincia de Lugo

As aplicacións de abonos foliares darán comezo nas próximas semanas, adaptándose ao ciclo biolóxico dos fungos, e prolongaranse ata o remate do verán ou principios do outono, tendo en conta sempre as condicións meteorolóxicas, para garantir a máxima eficacia.

Os propietarios interesados en incorporar as súas parcelas de piñeiro radiata á campaña deberán solicitarllo á Fundación Arume e cumprimentar unha Declaración Responsable. Para obter este modelo oficial, poden contactar coa Fundación polas seguintes vías:

⦁    Correo electrónico: arume@fundacionarume.gal
⦁    Teléfono: 648 662 296

Para axilizar o proceso, os interesados deberán facilitar os seguintes datos básicos:

⦁    Datos do titular e teléfono de contacto.
⦁    Referencias catastrais das parcelas.
⦁    Información da masa: especie dominante, idade aproximada e superficie real ocupada por piñeiro radiata.

En Lugo, as zonas prioritarias de actuación abarcan máis de 60 concellos. Cómpre ter en conta que existes distintas prioridades e que en ocasións non todo o concello está incluído na zona prioritaria.

Mapa das zonas prioritarias
Mapa das zonas prioritarias

A selección das zonas prioritarias seguiu criterios técnicos rigorosos, poñendo o foco no nivel de afectación actual das masas, na densidade de Pinus radiata, especie máis vulnerable, e na continuidade das superficies, para optimizar o impacto das aplicacións.

Visita técnica ao piñeiral de Guitiriz

Esta mañá desenvolveuse unha visita técnica da Fundación Arume e da Consellería de Medio Rural a unha masa de Pinus radiata en Guitiriz (Lugo) que xa foi tratada no 2025.

O encontro serviu para constatar o bo estado sanitario da masa e para reafirmar a necesidade de continuar coa estratexia de aplicacións foliares, como vía para fortalecer ós piñeirais fronte á enfermidade. 

A visita contou coa participación dunha representación da Fundación Arume, encabezada polo seu presidente, Xosé Mera, así como coa asistencia da directora xeral de Ordenación e Planificación Forestal, Luisa Piñeiro, e dunha representación da propiedade visitada, a comunidade de montes veciñais en man común de Sanbreixo (Guiritiz).

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.