Fundación Arume impulsa en Santiago o debate sobre o futuro sostible da arquitectura en madeira
No marco da celebración de 'Piñeiros 25', desenvolveuse o pasado xoves 30 de outubro na Casa RIA de Santiago de Compostela unha xornada técnica sobre construción en madeira, organizada pola Fundación Arume co apoio da XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, coa finalidade de promover o diálogo entre profesionais e entidades comprometidas cunha arquitectura sostible e respectuosa co territorio.
O encontro reuniu a representantes destacados do sector, entre eles a prestixiosa arquitecta chilena Cazú Zegers, para compartir experiencias e coñecementos arredor do uso da madeira como material estrutural, da xestión responsable dos recursos e das novas formas de construción vinculadas á eficiencia, á innovación e á identidade paisaxística galega.
Na súa intervención, Adrián Capelo, arquitecto y proxectista da Fundación RIA, presentou o traballo desta entidade fundada polo arquitecto David Chipperfield, que promove unha planificación sostible do territorio galego baseada no diálogo entre comunidades locais, administracións e o ámbito científico. Capelo centrou a súa exposición no Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto colaborativo que busca recuperar os modelos tradicionais de xestión do territorio -nos que a multifuncionalidade, o aproveitamento equilibrado dos recursos e a participación veciñal eran a norma- como guía para afrontar retos actuais como o abandono rural, o monocultivo forestal e a perda de biodiversidade. O proxecto, desenvolvido desde 2020 con comunidades de montes veciñais, universidades e administracións, combina investigación e acción práctica: dende entrevistas e estudos sobre a memoria agraria ata a posta en marcha de iniciativas produtivas e educativas sostibles, como a creación dun rebaño mancomunado para o control da biomasa, a plantación de frondosas autóctonas ou a apertura dun Centro de Transformación de Alimentos en Baroña. Recoñecido como proxecto emblemático, o Laboratorio amosa como a colaboración entre ciencia e comunidade pode converterse nun modelo replicable de transición ecolóxica e gobernanza local, situando as comunidades de montes como motor de cambio para o futuro rural galego.
A recoñecida arquitecta chilena Cazú Zegers, compartiu na xornada a súa visión da madeira como material do século XXI e da arquitectura como unha práctica poética e profundamente vinculada ao territorio. Referiuse á importancia de traballar co material dende o coñecemento local e o respecto pola natureza, reivindicando a madeira non só como un recurso construtivo eficiente, senón tamén como vehículo cultural e espiritual. Na súa exposición amosou distintos proxectos desenvolvidos en Chile, entre eles unha vivenda construída integramente en CLT (Cross Laminated Timber), sistema que permite reducir tempos de obra e minimizar o impacto sobre o terreo, ao tempo que potencia a precisión e a ligereza estrutural da madeira. Zegers explicou como a súa práctica busca conciliar técnica e emoción, experimentando con formas orgánicas e xeometrías simbólicas inspiradas na natureza e no lume, e destacou o papel da madeira industrializada na vivienda social e nos novos modelos de urbanización sostible, nos que a arquitectura se entende como ferramenta de cohesión e de reconexión co territorio. A través dos seus proxectos, defendeu unha maneira de habitar que une tecnoloxía, tradición e espiritualidade, apostando por unha arquitectura que sirva para reencantar o mundo e devolver sentido e beleza á vida cotiá.
Na segunda parte da xornada, previa á mesa redonda final, sucedéronse varias intervencións de profesionais que ofreceron unha panorámica ampla e inspiradora sobre o potencial da madeira na arquitectura galega contemporánea. Óscar Andrés Quintela de Arrokabe Arquitectos e Francisco Liñares, do estudo Salgado e Liñares, achegaron dúas visións complementarias dun mesmo reto: innovar desde o territorio. Desde Arrokabe, Óscar subliñou o labor de investigación arredor da industrialización e prefabricación en madeira, orientado a optimizar recursos, reducir impacto e integrar as edificacións na paisaxe con precisión e sensibilidade. Francisco presentou a experiencia de Addomo, un sistema construtivo modular que combina eficiencia, sustentabilidade e calidade espacial, mantendo unha forte conexión coa tradición e cos oficios asociados á madeira. Ambos coincidiron en que este material representa hoxe un eixo de transformación técnica, ambiental e cultural, chamado a renovar os modos de proxectar e habitar en Galicia.
As arquitectas María Sánchez Ontín, de Cambium Estudo, e Teresa Sánchez Táboas, de Gramática Arquitectónica, completaron esta reflexión cunha mirada máis ampla sobre o papel da madeira na construción e na ordenación do territorio. María relatou o seu percorrido profesional e vital ligado a este material, desde o interese polos sistemas nórdicos ata a creación dun estudo especializado en deseño eficiente e construción sostible, con especial atención á formación e divulgación para promover un uso consciente e rigoroso da madeira. Defendeu que o desafío actual non é tanto construír máis, senón construír mellor, con proxectos responsables, de alta eficiencia enerxética e adaptados ás condicións locais. Teresa, pola súa banda, ampliou o enfoque cara á paisaxe forestal galega, reivindicando a súa xestión como patrimonio produtivo e cultural esencial. Comparou o modelo galego co austríaco, exemplo de diversificación e equilibrio forestal, e subliñou a urxencia de recuperar a biodiversidade, o relevo xeracional e o vínculo coa terra. Ambas coincidieron en que a madeira é moito máis ca un material: é unha ferramenta de reconexión entre arquitectura, territorio e sociedade, e unha clave para construír un futuro máis consciente e sostible para Galicia.
Na mesa redonda moderada por Adrián Capelo, os participantes coincidiron en que o uso da madeira en Galicia representa unha oportunidade para transformar o sector da construción desde múltiples frontes: técnico, ambiental, cultural e social. Destacouse a importancia de mellorar os procesos de deseño e execución, formar profesionais capacitados e recuperar os oficios tradicionais que gardan un saber fundamental. Tamén se puxo o foco na necesidade de reforzar a cadea produtiva e dignificar o traballo na construción, converténdoo nun ámbito atractivo e innovador para as novas xeracións. A madeira foi entendida como un elo entre territorio, industria e arquitectura, capaz de impulsar un modelo máis sostible, arraigado e humano para o futuro do hábitat galego.
Sobre a Fundación Arume:
A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada por un conxunto de entidades da cadea monte-industria: asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos e enxeñaría, viveiros, serradoiros, fabricantes de taboleiro, Universidade de Vigo e Abanca. A Fundación traballa a favor do desenvolvemento do territorio, do seu multifuncionalidad, resilencia e biodiversidade.