A menos de tres meses da finalización da moratoria para as novas plantacións de eucalipto, a Fundación Arume urxe a prorrogala de xeito temporal coa fin de posibilitar un acordo de País sobre a xestión do territorio
A Fundación Arume reitera a necesidade de prolongar de xeito temporal a moratoria ás novas plantacións eucalipto, que remata en menos de tres meses, co obxectivo de garantir unha planificación territorial sostible e coherente coa estratexia do Plan Forestal de Galicia
A entidade solicita ademais a publicación dos datos actualizados do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG)
A Fundación Arume, da que forman parte entidades da cadea monte-industria de Galicia, empraza á Xunta de Galicia a prorrogar a moratoria ás novas plantacións de eucalipto, tendo en conta que a actual moratoria expira o 31 de decembro de 2025.
Esta prórroga da moratoria ten como obxectivo principal evitar un efecto rebote na expansión das especies de eucalipto e, en base ás directrices que marca o Plan Forestal de Galicia, aprobado por ampla maioría no Parlamento de Galicia, habilitar un espazo temporal para deseñar dentro do sector, en coordinación coa Consellería competente, os criterios que permitan unha planificación territorial máis axeitada, que condicionará durante as próximas décadas social, económica e ambientalmente o sector forestal do noso País.
Esta planificación incluirá un regulamento consensuado sobre as plantacións de eucaliptos, decaendo a moratoria no momento en que o mesmo entre en vigor.
Para acadar este obxectivo faise necesario contar cos datos actualizados do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG), ferramenta esencial para avaliar a evolución real das masas arboradas e fundamentar calquera decisión normativa futura.
Necesidade de manter a moratoria para garantir o equilibrio forestal
O Plan Forestal de Galicia, aprobado no 2021, estableceu o obxectivo de reducir nun 5 % a superficie de eucalipto na comunidade de aquí a 2040.
O Inventario Forestal Continuo de Galicia pode dar información relevante sobre a viabilidade de acadar ese obxectivo, debendo, en función dos datos recollidos, propoñer un regulamento sobre as plantacións de eucalipto máis ou menos estrito, na medida do posible axustado á realidade de cada territorio, acadando así unha normativa específica e estable que ordene as novas plantacións. Na redacción do regulamento deben participar todos os grupos de interese, en coordinación coa Consellería competente.
Proposta dun grupo de traballo e nova normativa
Para acadar o obxectivo de deseñar unha normativa específica para o eucalipto, sustentada en criterios técnicos, ambientais e socioeconómicos, baixo o marco das directrices do Plan Forestal de Galicia vixente, a Fundación Arume proponlle á Xunta a creación dun grupo de traballo que, en coordinación coa Consellería competente, poida desenvolver un traballo técnico que permita acadar ese obxectivo no prazo de tempo máis corto posible.
Apoio á silvicultura do piñeiro e das frondosas
En paralelo, a Fundación Arume destaca a importancia de reforzar as políticas de apoio á silvicultura do piñeiro e das frondosas caducifolias, como vía para acadar un monte máis equilibrado, diverso e resiliente fronte ao cambio climático.
Entre as medidas propostas están a creación dun Polo galego de investigación e innovación forestal, así como o desenvolvemento dun programa de mellora xenética das coníferas de interese industrial. Tamén a introdución controlada de especies tolerantes a pragas e enfermidades (como Pinus taeda e outras coníferas) e a valorización do labor silvícola, con incentivos económicos e fiscais específicos.
O peso da cadea monte-industria do piñeiro en Galicia
A cadea da madeira de coníferas é un piar estratéxico para o desenvolvemento rural galego e un dos principais motores da bioeconomía en Galicia:
• Conta con máis de 120 serradoiros e 7 plantas de taboleiro en funcionamento.
• Representa dous terzos dos case 3.000 millóns de euros de facturación anual do sector forestal-madeira.
• Xera milleiros de empregos directos e indirectos, especialmente no medio rural.
• Constitúe unha cadea de valor sólida, local e sostible, que transforma recursos renovables de proximidade en produtos de alto valor engadido.
Sobre a Fundación Arume:
A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada por un conxunto de entidades da cadea monte-industria: asociación de propietarios forestais, empresas de servizos e enxeñaría, viveiros, serradoiros, fabricantes de taboleiro, Universidade de Vigo e Abanca. A Fundación traballa a prol do desenvolvemento do territorio, da súa multifuncionalidade, resilencia e biodiversidade.