O Centro de Investigación Forestal de Lourizán acolle unha xornada técnica sobre como mellorar os piñeirais galegos ante as ameazas de enfermidades e pragas
A Fundación Arume conclúe en Pontevedra os tres días de actividades programadas no marco do encontro internacional ‘Piñeiros 25’, que este ano contou con Chile e Uruguai como países convidados
O encontro internacional Piñeiros 25, que se iniciou o pasado martes 28 na Cidade da Cultura, puxo o peche na xornada do xoves 30 en Pontevedra cunha xornada técnica sobre sanidade forestal das masas de coníferas. O Centro de Investigación de Lourizán acolleu as exposicións de profesionais e investigadores chegados de Latinoamérica, que expuxeron casos dos que Galicia pode tirar aprendizaxes.
A xornada contou con dous expertos chilenos, Fernando Droppelmann (Cooperativa de Mejoramiento Genético de Chile) e Rodrigo Ahumada (Centro de Excelencia Arauco Chile), así como co uruguaio Juan Pedro Posse (Centro Inia Tacuarembó). Por parte chilena expuxéronse as estratexias no control de enfermidades e pragas en piñeiro radiata, unha especie na que Chile é referencia mundial.
En Galicia, das máis de 400.000 hectáreas de piñeirais, hai preto de 100.000 hectáreas de piñeiro radiata, tamén chamado piñeiro insigne, en tanto o resto da superficie conta principalmente con piñeiro do país ('Pinus pinaster') e, en menor medida, con piñeiro silvestre, en áreas de montaña, e con outras coníferas.
Pola parte chilena, expúxose o caso do piñeiro taeda, unha especie que se está introducindo en Galicia por resistir enfermidades que afectan ó piñeiro radiata, como as bandas, e pola súa similitude co radiata en quenda de corta e calidades.
A xornada completouse con exposicións sobre as liñas de investigación de Lourizán tanto no piñeiro radiata como no piñeiro do país, así como as perspectivas co piñeiro taeda, co que se iniciarán ensaios no 2026.
-
Sobre a Fundación Arume
A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada polo conxunto da cadea forestal – madeira da comunidade: asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos e enxeñaría, viveiros, serradoiros, fabricantes de taboleiro, Universidade de Vigo e Abanca. A Fundación traballa a prol do desenvolvemento do territorio, da súa multifuncionalidade, resilencia e biodiversidade.