Pino
de Galicia

control banda

A Fundación Arume propón axustes nas excepcións á nova moratoria do eucalipto para conter a expansión da especie e contribuír á restauración de piñeirais

A entidade amosa a súa preocupación polos datos publicados do Inventario Forestal Contínuo de Galicia 2024 e inquire ós grupos parlamentarios sobre a capacidade real da Administración para fiscalizar as medidas dunha nova moratoria máis complexa

A Fundación Arume propón axustes nas excepcións á nova moratoria do eucalipto para conter a expansión da especie e contribuír á restauración de piñeirais

A Dirección do Padroado da Fundación Arume vén de reunirse na mañá de hoxe venres cos tres grupos maioritarios no Parlamento galego. O obxectivo do encontro foi abordar os cambios previstos na moratoria do eucalipto a través do proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas, que xa iniciou o seu trámite na Cámara galega.

Desde a Fundación Arume valórase positivamente a proposta de prórroga da moratoria até 2030, alineada coa posición que vén defendendo a entidade nos últimos meses, e que responde á necesidade de consolidar unha xestión forestal planificada e sostible, no marco dos obxectivos fixados no Plan Forestal de Galicia.

Arume entende que a continuidade da moratoria contribuirá á diversificación das masas forestais e fortalecerá a adaptación do monte galego a un escenario de maior esixencia ambiental, no contexto do cambio climático. Con respecto ás dúas excepcións á moratoria recollidas no texto publicado no boletín do Parlamento de Galicia, a Fundación Arume trasladoulle ós grupos parlamentarios a necesidade de axustes, para evitar que se desvirtúe o sentido da norma.

Intercambios de superficie

Unha das excepcións sinala a posibilidade de que os propietarios traspasen superficies actuais de eucalipto a outros propietarios, de xeito que o propietario da superficie orixinal reforeste o seu monte con coníferas ou frondosas e o titular que obtén a cesión poida plantar eucaliptos onde non os había.

A este respecto, a Fundación Arume entende que é unha posibilidade útil, sempre que se restrinxa aos casos nos que o intercambio sexa con superficies actualmente improdutivas, rasas ou abandonadas. Polo tanto, proponse que o texto da lei prohíba expresamente a reforestación con eucaliptos en parcelas ocupadas actualmente por piñeirais, un ecosistema en regresión en Galicia nas últimas décadas. Cómpre lembrar que a lexislación actual xa prohíbe novas plantacións de eucaliptos en substitución de frondosas caducifolias, terras agrarias ou en zonas de Rede Natura.

Sobre a excepción dos intercambios de superficie, unha segunda cuestión a ter en conta é que a proposta en tramitación no Parlamento de Galicia establece que o titular que obtén a cesión dos dereitos de repoboación con eucalipto non poderá superar o 75 % da superficie orixinal. A Fundación Arume trasladoulle ós grupos parlamentarios a necesidade de incluír na norma que o 25 % restante debe destinarse a frondosas caducifolias ou coníferas.

Coa inclusión das dúas precisións propostas pola Fundación Arume, evitaríase que o obxectivo de reducir a presión territorial do eucalipto quedase desvirtuado.

Masas afectadas pola banda marrón

A segunda das excepcións incluídas no proxecto de lei afecta ós titulares de piñeirais gravemente afectados pola banda marrón, ós que se lles permite plantar un 50 % da superficie afectada con eucaliptos, en tanto o outro 50 % debe reforestarse con coníferas ou frondosas.

A Fundación Arume valora como positivo o esforzo por ofrecerlle unha alternativa ós propietarios das masas de piñeiro radiata, se ben é preciso definir con claridade o concepto de “masas gravemente afectadas”, para o que cómpre establecer criterios técnicos obxectivos, propoñendo criterios baseados en porcentaxes de taxas de mortandade.

Unha vez concretado o concepto de “gravemente afectadas”, é imprescindible facer pública unha cartografía das zonas que presentan tal grao de dano, a fin de avaliar con transparencia o impacto das medidas, así como para dotar ós propietarios forestais dos coñecementos precisos sobre a situación.

En paralelo, a Fundación propón valorar, nesas zonas que se consideren gravemente afectadas pola banda marrón, a introdución controlada de especies de coníferas alternativas xa ensaiadas, como o piñeiro taeda ou outras coníferas emerxentes que presentan resistencias ós fungos das bandas, como criterio prevalente antes dun cambio de especie de conífera a eucalipto.

Esta posibilidade contribuiría ao cumprimento do marco definido no Plan Forestal de Galicia, favorecendo a diversificación, a recuperación da produtividade e a resiliencia das masas afectadas.

Por último, faise preciso concretar na norma que as masas de coníferas gravemente afectadas pola banda marrón que se poden beneficiar da excepción corresponden en exclusiva á especie piñeiro radiata, de tal xeito que non se eliminen outras masas de coníferas.

Reunión mantida co BNG
Reunión mantida co BNG

Fiscalización e seguimento das medidas

A Fundación Arume trasladoulle ós grupos parlamentarios que un dos aspectos que máis preocupa é a capacidade real da Administración para fiscalizar e seguir a aplicación da moratoria do eucalipto e das súas excepcións.

Ante os datos publicados onte do Inventario Forestal Contínuo de Galicia 2024, onde a superficie de eucalipto medrou en 25.000 hectáreas a respecto aos datos do ano 2022, faise urxente e evidente a necesidade de medios e estruturas focalizadas exclusivamente na xestión do territorio, desligadas das estruturas adicadas ao combate de incendios e da protección civil.

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal non dispón na actualidade de efectivos suficientes para realizar un control rigoroso das autorizacións, rexistros e inspeccións que se derivarán destas novas disposicións.

Por ese motivo, desde Arume considérase imprescindible que o texto normativo se acompañe dun plan operativo, con reforzo técnico e humano, que garanta o cumprimento efectivo das condicións establecidas.

En concreto, a Fundación Arume recomenda a creación ou designación dun ente específico encargado do seguimento e avaliación destas medidas, separado da estrutura operativa de extinción de incendios, co fin de asegurar unha supervisión especializada, continuada e libre de interferencias funcionais, que permita unha avaliación técnica independente e rigorosa dos resultados.

Asimesmo, debería estar dispoñible un listado público das referencias catastrais involucradas nos diferentes mecanismos de flexibilización.

Transparencia e avaliación da redución da superficie de eucalipto

A Fundación comparte o obxectivo de reducir progresivamente a superficie ocupada polo eucalipto, mais manifesta dúbidas sobre a viabilidade real de tal obxectivo mentres non se dispoña de mecanismos sólidos de control e actualización de datos.

A Fundación lembra que o documento de referencia é o Plan Forestal de Galicia, que marca limitacións de superficie de eucalipto por quinquenio, co obxectivo de redución do 5 % da superficie de eucalipto no 2040 respecto á distribución inicial.

Arume, por último, manifesta a súa plena disposición a colaborar coa Administración e cos grupos parlamentarios na concreción técnica destas medidas, ofrecendo a experiencia e coñecemento do sector para garantir que o novo marco normativo contribúa realmente á sustentabilidade, á produtividade e á mellora do monte galego.

A Fundación Arume propón axustes nas excepcións á nova moratoria do eucalipto para conter a expansión da especie e contribuír á restauración de piñeirais

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.