A Fundación Arume valora como positiva a extensión da moratoria do eucalipto ata 2030, coa cautela de comprobar como se concretan as excepcións á mesma e a súa xestión
A entidade subliña a importancia de que o Plan Forestal continúe a ser o marco de referencia, tendo en conta as superficies máximas da especie por quinquenio
A extensión da moratoria do eucalipto anunciada pola Xunta ata o 2030 é considerada positiva pola Fundación Arume, pois atende a petición da entidade de adoptar medidas para evitar un efecto rebote nas plantacións de eucalipto. Deste xeito, habilítase un espazo temporal suficiente para deseñar dentro do sector, en coordinación coa Consellería competente, os criterios que permitan unha planificación territorial máis axeitada.
A prórroga da moratoria ata o 2030 é ademais coherente co Plan Forestal de Galicia. A Fundación Arume destaca a importancia de respectar as superficies máximas quinquenais para o eucalipto que se definiron no Plan Forestal de Galicia. De aí, a importancia de facer un seguimento anual do Inventario Forestal Continuo de Galicia.
Desde a Fundación agárdase a coñecer os datos do 2024 do Inventario, que a Consellería anuncia que publicará nas próximas semanas, para comprobar o estado actual da superficie de eucalipto e o seu encaixe co Plan Forestal de Galicia.
Concreción de procedementos e mecanismos de seguimento
En canto ás excepcións que contempla a extensión da moratoria, a Fundación Arume está á espera de coñecer o texto legal das mesmas. No que respecta á excepción para piñeirais gravemente afectados polo fungo das bandas, Arume entende que é preciso concretar cales son as masas de piñeiro radiata gravemente afectadas, para o que sería de utilidade unha cartografía pública ao respecto.
En canto á outra excepción, a do traspaso de superficies actuais de eucalipto a outros enclaves, a Fundación Arume está de acordo con esa orientación sempre e cando o traspaso se faga a superficies rasas, non produtivas ou abandonadas, pois se se procedese a substituír masas actuais de coníferas, a medida introduciría efectos negativos.
Por último, a Fundación Arume considera que é preciso dotar de medios suficientes á Consellería para garantir que poida establecer uns axeitados mecanismos de seguimento da moratoria e das súas excepcións, pois a normativa, para ser efectiva, debe contar cuns controis efectivos sobre o terreo.
A Fundación Arume está preparada para traballar desde o consenso técnico e institucional cos distintos actores do sector, contribuíndo a que este novo escenario se traduza nunha mellor planificación e xestión do monte galego.
Sobre a Fundación Arume:
A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada por un conxunto de entidades da cadea monte-industria: asociación de propietarios forestais, empresas de servizos e enxeñaría, viveiros, serradoiros, fabricantes de taboleiro, Universidade de Vigo e Abanca. A Fundación traballa a prol do desenvolvemento do territorio, da súa multifuncionalidade, resilencia e biodiversidade.