Marca de garantía
A madeira é un recurso renovable e sostible. Un material capaz de reducir a nosa pegada ecolóxica pola súa condición de sumidoiro do carbono atmosférico. É ademais un recurso de proximidade, un alicerce fundamental da bioeconomía, co que poderemos construír un futuro sostible e respectuoso co medio ambiente.
A madeira de coníferas é unha materia prima que ofrece enormes posibilidades de uso polas súas características técnicas e polas súas propiedades decorativas. Mobiliario, decoración, embalaxes e novos usos na construción, con madeiras estruturais ou termotratadas, son algunhas das súas aplicacións.
Utilizar madeira fomenta ademais a conservación e xestión dos bosqsues. Os piñeiros forman parte da nosa contorna social e ambiental. Son especies senlleiras no monte galego e teñen un impacto sobre a economía e o desenvolvemento das nosas contornas rurais.
Por que crear unha marca de garantía do piñeiro de Galicia?
Para dar a coñecer a orixe da nosa madeira. Queremos amosar a sostibilidade dos nosos montes e que se prestixie a calidade dos nosos produtos.
Os produtos da nosa marca son sometidos a rigorosos controis durante as fases de aproveitamento e transformación para ofrecerlle tanto ao profesional como ao consumidor as máximas garantías de orixe e calidade.
A marca sostense sobre tres eixes básicos:
- Orixe e trazabilidade da madeira, factor crave de diferenciación.
- Sostibilidade do monte, apoiada nos selos de certificación FSC e PEFC.
- Clasificacións de calidade, que poñen en valor o traballo de silvicultores e industrias.
Beneficios
Para profesionais
- Garantía de calidade baseada en criterios obxectivos, medibles e auditados.
- Produtos seleccionados que cumpren as expectativas para os usos ós que van destinados: estruturais, estéticos e funcionais.
- Asesoramento e formación na aplicación da madeira.
- Documentación técnica e recursos para o desenvolvemento de proxectos
Para o consumidor final
- Garantía de calidade.
- Trazabilidade desde a orixe.
- Material sostible e renovable, que contribúe á mitigación do cambio climático.
- Apoio ó desenvolvemento rural.
- Xestión responsable dos bosques.