Primeiras empresas galegas en obter o certificado para madeira estrutural
Dous aserradeiros, Hijos de Ramón Rubal e Exfopino, estrean a certificación europea que lles permitirá destinar madeira de piñeiro de Galicia para a construción de edificios O obxectivo é substituír produtos que chegan do norte e leste de Europa por materia prima local

A nivel mundial, a madeira estrutural de piñeiro representa un mercado en claro crecemento, con boas perspectivas para os vindeiros anos. Trátase dunha tendencia que pouco a pouco estase a abrir tamén camiño en Galicia no sector forestal e no mundo dos arquitectos e as empresas de construción.
Tradicionalmente na nosa comunidade o piñeiro non se empregou até o de agora para a construción de estruturas en edificacións, pero os novos tratamentos aumentan a durabilidade no exterior e os laminados e contrachapados permiten a súa utilización tanto en paredes e forxados como en amplas cubertas sen apoios, un mundo de múltiples usos e alternativas que xa hai empresas galegas dispostas a aproveitar.
Hijos de Ramón Rubal, de Alfoz (Lugo), e Exfopino, de Rois (A Coruña), veñen de obter o certificado europeo para fabricar madeira estrutural, táboa e puntón aserrado no primeiro caso e vigas laminadas no segundo, o que lles permitirá surtir o mercado con madeira estrutural galega de Pinus pinaster e Pinus radiata, capaz de competir en calidade coa madeira de abeto procedente de países do norte e o leste de Europa.
É obrigatorio que a madeira estrutural conte con marcado CE específico, no que se mide o seu nivel de resistencia, elasticidade e densidade, segundo se establece no Documento Básico de Seguridade Estrutural de Madeira (DB.SE-M). Establécense en total 12 clases resistentes para madeira aserrada de conífera, aínda que as que imos encontrar dispoñibles no mercado son a C16, C18, C24 e C30.
A busca de construcións máis ecolóxicas, confortables e sostibles desde o punto de vista medioambiental xoga a favor da utilización da madeira en edificación e rehabilitación, unha tendencia a nivel global na que o piñeiro galego tamén pode ser protagonista.
Até o de agora, a madeira de piñeiro en Galicia, polo seu destino para produtos de menor valor engadido, viña mantendo prezos modestos en monte. A aposta por este tipo de produtos de alto valor engadido -vigas laminadas, madeira termotratada para fachadas, taboleiro contralaminada (CLT)- servirá para mellorar a cadea do piñeiro en Galicia, trasmitindo en último termo aos propietarios forestais o incremento de valor destes produtos e aumentando, polo tanto, o prezo no monte.
Mais información:
>> Exfopino

