A madeira termotratada, unha técnica que abre novas posibilidades para o piñeiro de Galicia
Os novos secadeiros a altas temperaturas que están a impulsar empresas como Hermanos Castro (Ponteareas) ou Finsa van multiplicar a produción de madeira termotratada, un sistema que estabiliza o produto e incrementa a súa durabilidade, permitindo usos en exterior e ampliando deste xeito o abano de utilidades do piñeiro.

Unha técnica ancestral
O termotratamento é un tratamento natural a base de temperatura e sen produtos químicos (a diferenza do autoclave, que emprega sales de cobre). É un proceso que consegue estabilizar a madeira e que lle dá maior durabilidade, o que abre novas posibilidades, pois converte o piñeiro nunha madeira apta para uso en exteriores.
O tratamento térmico da madeira ten unha orixe moi antiga, pois a madeira dos barcos vikingos era tratada termicamente para aumentar a súa durabilidade e tamén en Xapón empregaban esta técnica de maneira ancestral. Na actualidade, o seu uso é frecuente en países como Suecia ou Finlandia, onde levan termotratando moitos anos, aínda que en Galicia era un método non empregado até agora.
Un proceso natural para un produto sostible
O sistema consiste en someter a madeira a un tratamento térmico con temperaturas comprendidas entre os 160 e os 260ºC, en función da especie e das dimensións da peza, nunha atmósfera inerte ou con baixo contido en osíxeno, o que evita a combustión.
O resultado é un produto natural, libre de tóxicos e produtos químicos, apto para bioconstrución. A madeira termotratada (TMT) é un material renovable, económico e duradeiro, polo tanto, un produto sostible para facer construcción responsable.
Este tratamento térmico protexe a madeira de patoloxías por fungos e insectos xilófagos de forma non biocida. Ademais, ao expoñer á madeira a elevadas temperaturas a resina volatilízase e a madeira é máis lixeira e doada de transportar, volvéndose máis resistente ao lume.
A densidade da madeira tralo tratamento diminúe entre un 5 e un 15% debido á pérda de humidade e a súa estrutura interna é máis estable, homoxénea e duradeira, o que permite empregar o piñeiro en exterior para usos antes restrinxidos a madeiras tropicais de importación.
Deste xeito, posibilítase o uso da madeira de Pinus pinaster e Pinus radiata dos montes galegos en exteriores ou sometida a ambientes húmidos en produtos finais como portas e xanelas, encimeiras, revestimentos de fachada, mobiliario urbano, pavimentos de exterior en xardíns ou piscinas, saunas, embarcadoiros, etc.
Empresas gallegas pioneiras
Galicia conta con empresa pioneiras en madeira termotratada como Maderas Hermanos Castro, que xa desenvolve este proceso na súa planta de Ponteareas (Pontevedra), ou Finsa, que leva dous anos impulsando esta gama de producto a través da súa marca Thermopine.
__
Mais información:
