Un mercado provisional en Barcelona, dúas vivendas, un expositor de plantas e a reforma da autoridade portuaria da Coruña, Premios de Arquitectura en Madeira CESUGA| Pino de Galicia
O xurado destacou a alta calidade e “a diversidade de escalas, de estándares orzamentarios, de emprego da tecnoloxía e de respostas espaciais” das obras gañadoras da segunda edición do certame

A segunda edición dos Premios Arquitectura en Madeira CESUGA | Pino de Galicia deu a coñecer os proxectos gañadores nas catro categorías do certame, elixidos entre as decenas de propostas que se presentaron a concurso, que utilizan a madeira como material preferente e executadas na península ibérica entre o 31 de maio de 2023 e o pasado 30 de abril. Os galardóns, que se entregarán o próximo mes de xullo durante a celebración do Encontro da Toxa, foro económico de referencia en Galicia que organiza CESUGA, pretenden recoñecer aquelas actuacións que poñen en valor as posibilidades da madeira como recurso natural, renovable, reciclable e sustentable.
O xurado, integrado por cualificados especialistas do sector, destacou no seu fallo o alto nivel e a gran calidade das propostas seleccionadas, así como a súa “diversidade de escalas, de estándares orzamentarios, de emprego da tecnoloxía e de respostas espaciais”. Presidido polo profesor Venancio Salcines, presidente do consello reitor de CESUGA e da maraa Pino de Galicia, formaron parte do tribunal Silvia Blanco, directora do grao de Arquitectura de CESUGA; David Lorenzo, secretario da marca Pino de Galicia; Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña (IAAC); Alberto Alonso, director do blog Veredes e docente de Arquitectura en CESUGA; e os arquitectos Juanjo Otero e Cecilia Muíños (do estudo MOLArquitectura, en Ourense), Cristina Ezcurra e Cristina Ouzande (de Ezcurra e Ouzande, en Santiago) e o arquitecto Luis Gil Pita, vogal de Cultura da executiva do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), socio do estudo Gil Pita-Nieto Peñamaría, con sede tamén en Compostela, e gañador o ano pasado xunto a Cristina Nieto na categoría de deseño de produto polo moble-confesionario que realizaron para a Catedral de Santiago.

Un mercado deconstruído en pérgola
Na categoría de obra nova foron dúas as propostas gañadoras. Unha delas é o mercado provisional de Horta, en Barcelona, de Ravetllat Arquitectura e Carles Enrich Studio, que destaca pola súa formulación como un espazo en dous tempos, coa combinación dunha infraestrutura permanente e un uso temporal como mercado que, unha vez clausurado, pasará a funcionar como pérgola e elemento de sombra urbano, articulando o espazo público que conecta os barrios de Horta, Carmel e a Clota. O xurado valorou a súa “acertada formulación de construción, pero tamén de deconstrucción, onde a utilización da madeira se erixe como aliada insubstituíble”.
Un quebracabezas de madeiras perfecto
O galardón compárteo ex aequo con Casa Panchés, vivenda deseñada en Carnota (A Coruña) polo estudo compostelán Arrokabe Arquitectos. Trátase dunha “intervención modélica” na que se valorou especialmente “o uso intensivo da madeira, a integración sensible coa contorna, a amplitude espacial e a reinterpretación de tipoloxías tradicionais”. Ademais, destaca pola multiplicidade de madeiras empregadas (eucalipto, piñeiro silvestre, castiñeiro, abeto, iroko) e porque, coma se tratase dun quebracabezas, todo encaixa á perfección.

Madeira para transformar o rudo formigón
O premio á mellor reforma foi para o edificio da Autoridade Portuaria da Coruña, obra de Roberto Costas Pérez e Óscar Pedrós Fernández, do estudo coruñés Costas+Pedrós. O xurado seleccionouna por demostrar que “a rehabilitación dunha preexistencia pode transformar radicalmente o espazo mediante o enxerto dunha peza autónoma como motor da espacialidade previa”, así como por crear unha nova peza 2que contrarresta a nudez e rudeza do formigón coa calidez da madeira, articulando todos os espazos a través do seu corpo central”.

Sistema modular e mutable para plantas
O expositor COplant, encargo dunha empresa local Arqxé Arquitectura (estudo de Jorge Enríquez e Adrián Pinaque, situado en Tui) para mostrar as súas plantas de diferentes tamaños, gañou na categoría de deseño de produto e pequena escala. O xurado valorou a simplicidade do seu sistema de módulos de fácil transporte e ensamblaxe, a súa funcionalidade adaptable, o seu uso dunha “tectónica autoportante reducida á mínima expresión” e a súa capacidade para xerar “unha materialidade ausente, pero tan importante en arquitectura, sexa cal for a escala: a sombra”.

Vivenda con estrutura de CLT
Por último, o premio especial Marca de Calidade Piñeiro de Galicia foi a parar á Casa IDE e Taller Grau, de Rellam (estudo de Valencia integrado por Lluis J. Liñán, Xevi Lluch e Andrea Gimeno). Situada en Ames (A Coruña), a estrutura desta casa realizada con paneis CLT -madeira contralaminada, a madeira que xubilará ao formigón- destaca pola súa lixeireza, pola eficiencia no uso dos materiais, a súa pegada de carbono practicamente nula e o respecto ao territorio no que se integra. A madeira CLT de Piñeiro de Galicia foi fabricada por Xilonor, a primeira planta de madeira contralaminada de Galicia, radicada en Coirós (A Coruña).