Pino
de Galicia

‘Pino de Galicia’ posiciónase no mercado da edificación coa súa participación na feira Rebuild (Ifema), o principal evento estatal do sector

A marca de garantía, promovida pola Fundación Arume, comezará a funcionar este outono. O obxectivo do novo selo é estandarizar a clasificación dos produtos de primeira e segunda transformación da madeira que ofrecen as empresas galegas, así como certificar a súa calidade

‘Pino de Galicia’, a marca de garantía que está a impulsar a Fundación Arume, participará entre o 21 e o 23 de setembro na feira Rebuild (Ifema, Madrid), o principal evento estatal do sector da edificación e arquitectura avanzada. En Rebuild, Pino de Galicia contará cun stand propio e ofrecerá dúas ponencias técnicas de presentación orientadas ó público profesional da feira, entre o que figuran arquitectos, constructores e promotores.

 

Coa participación en Rebuild, ‘Pino de Galicia’ posiciónase no mercado da edificación, un mercado potencial de valor para as empresas galegas, que xa están a elaborar produtos técnicos orientados á construción, como vigas laminadas, madeira termotratada para fachadas ou CLT (Cross laminated timber), a parte das liñas tradicionais para interiores (tarimas, frisos, paneis, etc.) e doutros produtos de aserradoiro.

 

O selo Pino de Galicia, que se implantará este outono no mercado, ofreceralle ás empresas consumidoras unha clasificación técnica estandarizada dos produtos de primeira e segunda transformación da madeira, con certificación da súa calidade.

 

Pino de Galicia garantirá ademais a orixe, trazabilidade e certificación forestal (FSC / PEFC) tanto dos produtos rematados de primeira e segunda transformación como da materia prima que sae do monte (madeira en rollo).

 

Coa asistencia a Rebuild, que se anticipa ó próximo lanzamento da marca de garantía, Pino de Galicia dáse a coñecer nun mercado, o da edificación, que se considera estratéxico de cara ó futuro, pois construtores e arquitectos están á procura de materiais sostibles e industrializables, cunha sinxela montaxe en obra, requerimentos que cumpren os produtos amparados por Pino de Galicia.

 

A marca de garantía ofrecerá en Rebuild unha ponencia na que detallará a súa normativa técnica e os produtos amparados, así como outra charla na que explicará a orixe do recurso forestal de Pino de Galicia e as características da súa xestión sostible en monte. A participación de Pino de Galicia en Rebuild conta co apoio de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

Proxecto de reconstrucción de unha vivenda unifamiliar en Carballeda de Avia (Ourense) con madeira de piñeiro (MOL Arquitectura. Fotografía: Héctor Santos-Díez).
Proxecto de reconstrucción de unha vivenda unifamiliar en Carballeda de Avia (Ourense) con madeira de piñeiro (MOL Arquitectura. Fotografía: Héctor Santos-Díez).

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.