“O uso do piñeiro do país en edificios presenta vantaxes técnicas sobre outras madeiras, como o abeto”
Falamos con Pablo Alonso, o arquitecto encargado da rehabilitación do centro sociocultural de Mouriscados (Mondariz, Pontevedra), un edificio singular que se fixo hai 25 anos con vigas laminadas de piñeiro do país, unha aplicación aínda escasa hoxe en día

Pablo Alonso é un arquitecto especializado na construción con madeira e ademais ten tamén formación e experiencia laboral como carpinteiro. Esa ampla traxectoria ligada ó traballo da madeira culminou na creación dunha empresa, Madeira Arquitectura, que presta asesoría técnica a proxectos construtivos con este material. Falamos con el do proceso de rehabilitación que se está acometendo no centro sociocultural de Mouriscados, en Mondariz (Pontevedra).
- Explícanos que ten de especial este edificio sociocultural de Mouriscados.
- É un centro creado hai arredor de 25 anos pola comunidade de montes de Mouriscados e que ten a singularidade de que no seu momento, fíxose con vigas laminadas de piñeiro galego , en concreto de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’). Agora mesmo non é moi normal o emprego deste material en vigas laminadas e daquela era menos. É unha singularidade neste edificio.
- Estades acometendo agora un traballo de rehabilitación. A que se debeu o deterioro do edificio?
- O que lle pasou a este edificio foi unha mala praxe construtiva. A maioría das veces os problemas non son culpa da madeira, son o 90 % das veces de mala praxe construtiva, de non coidar os detalles e dunha mala execución. O que pasou aquí foi que as cabezas das vigas, que son puntos críticos nunha estrutura de madeira, estaban totalmente expostas ao exterior e, ao mesmo tempo, estaban cubertas por unha lámina asfáltica que impedía a transpiración.
Entón, cando entraba a auga, non podía saír. Unha cuestión básica en cuestións de madeira é que se entra a auga, hai que deixala saír, pero iso aquí non pasou. Aquí entraba a auga e non podía saír, co cal empezou a pudrición nas cabezas, logo chegaron os xilófagos larvarios e, en definitiva, dúas vigas están bastante afectadas, todo derivado dunha mala praxe construtiva.

- Que accións estades desenvolvendo para restaurar as vigas?
- O primeiro foi facer unha inspección das vigas de madeira, valorando varios puntos: o sistema construtivo, o deterioro construtivo, a humidade, localizar puntos de patoloxías e tamén buscar se houbese termita. Aquí atopáronse patoloxías de fungos xilófagos e de xilófagos larvarios.
O contido de humidade nas cabezas ademais era alto, polo que o deterioro por humidade era constante, sobre todo na fachada sur, a máis exposta á choiva.
En base a esta análise, vimos que no apoio sur da viga 2 o ataque era bastante importante e que precisaría dun inxerto. Na viga 1, o dano é máis superficial e vaise solucionar mediante a reposición das áreas danadas con resina eposi. Para erradicar os ataques dos xilófagos, que avanzaron uns 2-3 metros na lonxitude da madeira das vigas, decidiuse aplicar tamén un tratamento curativo e preventivo.
En paralelo, fíxose un cálculo da estrutura e viuse que estaba ó límite nos apoios, sobre todo tendo en conta as patoloxías que tiña, polo que decidiuse intervir para reforzala.
- Tendo en conta o contexto, dun edificio que tiña erros construtivos, como valoras o comportamento das vigas laminadas de piñeiro do país?
- Se comparamos a madeira de piñeiro do país coa de abeto centroeuropeo, que é unha das máis habituais, atopámonos con que o piñeiro ten moitas vantaxes. É unha madeira máis densa que o abeto, co cal achega máis dureza e algo máis de resistencia mecánica. É moito máis durable aos fungos e aos xilófagos, non tanto ás termitas, porque a resistencia ás termitas é a mesma.
Outro factor a ter en conta é a impregnabilidade, é dicir, a madeira de albura é moito máis impregnable que o abeto, co cal permite facer tratamentos curativos e preventivos que non se poderían facer no abeto. Esa é a diferencia maior, que é moito máis densa e algo máis durable que o abeto.
En comparación con outras coníferas que pode haber no entorno, como o piñeiro radiata ou o silvestre, o ‘Pinus pinaster’ segue tendo algo máis de densidade, co cal achega algo máis de resistencia e dureza.
- Que aspectos esenciais hai que coidar para que a madeira empregada na construción teña un bo mantemento?
- Unha cousa que ten a construción de madeira é que require a excelencia no deseño e na execución. A madeira require que a execución sexa exquisita. É un material biolóxico que pode ser atacado por elementos naturais que hai no entorno. Por tanto, insisto, a madeira require un detalle máximo no proxecto e un detalle máximo na execución para que non teñamos problemas. Sempre os problemas da madeira veñen pola execución, non pola madeira en si.
Está claro que un paso básico é tamén elixir a especie de madeira idónea para o lugar, pero unha vez feito iso, se as cousas se fan ben, se o proxecto e a execución se fan ben, a madeira terá unha vida útil de décadas.
Pode ser preciso un mantemento, pero será mínimo. Se hai que substituír algunha peza, substitúese, non pasa nada. Por exemplo, nas fachadas, se a fachada está ben executada e se a madeira está ben prescrita, a fachada de madeira vai durar moitas décadas, pero pode pasar que algunha peza haxa que substituíla, hai que ter esa idea.
Coas estruturas o mesmo, digamos que a execución ten que ser boa para que a madeira dure. Tamén hai que ter en conta que a obra é a parte final dunha cadea. É importante sinalar que toda a cadea ten que funcionar coordinada. A madeira é un produto natural que vén do bosque, pasa por un serradoiro, logo por un carpinteiro e chega ó cliente final.
É moi importante que esa cadea estea ben organizada para que a madeira que chegue á obra sexa idónea. Dende que as árbores que se corten sexan as axeitadas para o proxecto, que o serradoiro faga unha boa clasificación da madeira e que a execución do carpinteiro sexa correcta.
- Que especialización cres que require a madeira para traballala na construción?
- A madeira require que as persoas que estean deseñando e executando saiban o que están facendo, que estean formadas. É indispensable. Hoxe en día os arquitectos e construtores perderon o medo a proxectar en madeira, os clientes tamén perderon o medo a demandar a madeira, entón a demanda é moi alta. Podería chegar a pasar que a construción de madeira morra de éxito porque temos un problema, que non temos aínda xente nas obras que traballe correctamente a madeira.
Iso deriva en problemas, podemos ver obras nas que ós poucos meses detectamos ataques. Entón, é moi importante que as empresas teñan xente cualificada en construción de madeira, tanto en deseño como en execución, para que o proceso construtivo sexa o correcto.
É moi importante que desde a formación, se traballe esta cuestión. En Galicia si hai ciclos de formación profesional de carpintería, pero non formación profesional de carpintería e construción de madeira, hai de moble ou traballo de interior, pero non estruturistas.

- Que recomendación lle darías a unha persoa que quixera executar un proxecto de construción en madeira?
- Animaría á xente a que perda o medo e recomendaríalles que o principal é que busquen persoas que saiban deseñar o proxecto e executar a obra. É o máis importante. Que non escatimen o tempo nin os cartos en buscar un técnico que saiba o que é a madeira e un carpinteiro ou construtora que saiba o que é a madeira, porque aforrarán cartos e tempo.