Pino
de Galicia

O comité de Pino de Galicia fai balance do primeiro ano da marca e planifica o seu desenvolvemento

A marca Pino de Galicia cumpre un ano desde o seu lanzamento na práctica, polo que toca facer balance e planificar os próximos pasos. Con tal obxectivo, o comité da marca tivo un encontro esta semana, nesta ocasión en Maderas del Noroeste (Cambre, A Coruña), na liña que mantemos en Pino de Galicia de rotar as reunións do comité de marca entre as sedes dos diferentes membros do comité.

Instante da reunión celebrada esta semana para facer balance do primeiro ano da marca Pino de Galicia.
Instante da reunión celebrada esta semana para facer balance do primeiro ano da marca Pino de Galicia.

O actual balance de empresas inscritas na marca Pino de Galicia pódese consultar neste apartado da nosa web. En resumo, a marca está asentada en toda a cadea forestal – madeira, desde a corta en monte ata chegar ó consumidor final. Hai 15 rematantes (os profesionais que cortan a madeira en monte), 11 serradoiros, 6 empresas de segunda transformación, 3 almacenistas e 4 grupos de empresas.

En total, son máis dunha vintena de empresas as xa certificadas en Pino de Galicia (parte das empresas inscritas fano en varias categorías). Tendo en conta o actual ritmo de traballo, con numerosas empresas que están realizando as auditorías previas para entrar na marca, a idea é chegar a arredor de 50 empresas a finais do 2023.

O encontro do comité de marca serviu tamén para abordar accións de divulgación da marca que se acometerán ao longo do ano, tales como accións en centros universitarios ligados co emprego da madeira (enxeñerías, arquitectura, etc.) ou o evento Piñeiros ‘23.

 

Contexto

A marca Pino de Galicia comezou a funcionar na práctica a inicios do 2022, cando quedou definido o seu regulamento e se abriu a porta para que as empresas do sector da madeira se foran sumando á marca.

A implicación de toda a cadea da madeira está a permitir certificar xa a madeira de Pino de Galicia desde o monte ata o consumidor final, pois a marca ampara tanto a materia prima (rolla) como os produtos de primeira transformación (táboa convencional e táboa estrutural), así como os produtos de segunda transformación (envases, tarimas, molduras ou CLT, entre outros).

A importancia da marca sitúase en garantir a trazabilidade, a calidade e a uniformidade da oferta. Pino de Galicia estableceu un sistema de clasificación de calidades, a fin de estandarizar a oferta ante o mercado, e está a contribuír así a prestixiar a madeira galega ante os prescriptores e consumidores finais.

Cómpre salientar ademais que toda a madeira de Pino de Galicia ten que contar cos selos de certificación forestal FSC ou PEFC, o que garante que, a parte de ter orixe galega, a materia prima procede de montes xestionados dun xeito sostible.

- Listado de empresas certificadas en Pino de Galicia.

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.