‘Next Generation’, as coníferas protagonizan medidas de transición ecolóxica
O fondo de reactivación económica ‘Next Generation’, promovido pola Comisión Europea, enfoca boa parte dos seus obxectivos en medidas de transición ecolóxica, nas que a madeira terá un gran protagonismo. En Galicia, a Xunta xa anunciou cinco proxectos no ámbito forestal cos que pretende captar financiación do ‘Next Generation’. Entre eses proxectos, destacan iniciativas que terán nas coníferas unha materia prima clave, como a do apoio á construción en madeira estrutural, para a que se presupostan 26 millóns de euros.

As políticas que promoven a economía circular e a redución da pegada de carbono encontran na madeira unha gran aliada, pois é un material renovable, reciclable e que ten unha pegada de carbono negativa. As árbores durante a súa vida captan dióxido de carbono da atmósfera que despois queda almacenado na madeira. Esa cualidade ábrelle grandes perspectivas de uso como materia prima nas próximas décadas.
Un dos usos en auxe en toda Europa é o da madeira estrutural para construción, tanto en edificios residenciais de altura, mesmo para rañaceos, como en edificios industriais, comerciais e de uso público. En Galicia, o obxectivo anunciado pola Xunta é apoiar proxectos de construción en madeira en todos estes ámbitos, de xeito que sirvan como exemplos piloto que contribúan a espallar nos próximos anos a construción en madeira estrutural.
Para a elaboración de madeira estrutural, nomeadamente de CLT (Cross Laminated Timber), as coníferas son a madeira de referencia en toda Europa pola súa lixeireza, resistencia e dispoñibilidade. En Galicia, está tamén previsto que comece a operar no 2021 a primeira factoría galega de CLT, que se abastecerá de piñeiros procedentes dos montes da comunidade.
Outras medidas forestais para as que a Xunta solicitará fondos do ‘Next Generation’ céntranse no apoio á descarbonización da economía e na dixitalización do sector forestal. Tamén se prevé a posta en marcha dunha planta piloto para novos materiais, ligada ó CIS Madeira, e a creación dunha factoría que elaborará fibras téxtiles (viscosa) a partir da madeira.