Pino
de Galicia

Lugo constrúe dous edificios públicos con madeira de piñeiro

O Concello de Lugo está a levantar un edificio, denominado Impulso Verde, que está feito en madeira estrutural. Trátase do primeiro edificio público galego construído con este material, se ben axiña se lle sumarán iniciativas similares, pois a Xunta ten en marcha proxectos de construción en madeira e o propio Concello de  Lugo planificou un segundo edificio, o centro social Aquilino Iglesias, que empregará o piñeiro como un dos seus principais elementos.

O edificio Impulso Verde (A Garaballa, Lugo) estase a construír desde novembro con paneis de madeira contralaminada, que se empregarán nos muros e forxados das súas tres plantas. Prevese que sexan precisos 400 metros cúbicos de madeira estrutural, procedente de piñeiro radiata dos montes da Mariña. É unha madeira que se cortou no aserradoiro Hijos de Ramón Rubal (Alfoz, Lugo) e coa que unha empresa vasca elaborou o CLT, pois en Galicia polo de agora non hai ningunha planta que elabore este material. Está previsto que a primeira comece a operar a inicios do 2021.

Unha das vantaxes de construír o edificio en madeira estrutural será a rapidez da súa montaxe, pois prevese que toda a estrutura de tres plantas e baixocuberta estea montada nun prazo de 6 - 8 semanas, tralo que restarán só os traballos de acondicionamento interior.

O edificio albergará servizos municipais e un coworking para empresas. O seu consumo enerxético prevese que sexa un 74% inferior a outros edificios de oficinas, dadas as boas características da madeira como material illante. A construción, ademais, abastecerá a súa rede de calor cunha caldeira de biomasa, na liña de apostar pola redución de impactos ambientais.

A madeira será un dos principais elementos construtivos do centro social Aquilino Iglesias.
A madeira será un dos principais elementos construtivos do centro social Aquilino Iglesias.

A liña de construír en madeira edificios públicos continuará en Lugo co centro social Aquilino Iglesias, un edificio polivalente que terá na madeira de piñeiro un dos seus principais elementos construtivos. Trátase dunha construción moderna e funcional que se levantará sobre unha parcela de 886 metros cadrados. A madeira será o elemento estrutural do inmoble, no que tamén se empregará formigón e vidro. O peche exterior do edificio será ademais de piñeiro e servirá para regular a incidencia do sol.

Toda a construción seguirá criterios sostibles e para reducir emisións, no teito colocaranse paneis fotovoltaicos

Más madera en el Concello de Lugo (lavozdegalicia.es)

 

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.