A primeira planta de Galicia de CLT empregará piñeiros de Galicia
Xilonor, unha empresa centrada na madeira estrutural para construción, comezará a operar en Coirós (A Coruña) a comezos do 2021

As coníferas están a protagonizar en toda Europa unha nova demanda, a da madeira estrutural para construción, un nicho de mercado en crecemento e con gran potencial. Galicia non é allea a ese escenario, pois a comezos do 2021 está previsto que comece a funcionar en Coirós (A Coruña) a primeira planta galega de madeira estrutural para construción.
A nova factoría galega elaborará CLT (Cross Laminated Timber), unha madeira contralaminada que terá como materia prima os piñeiros de Galicia, tanto o piñeiro do país (Pinus pinaster) como o piñeiro insigne (Pinus radiata), pois trátase dunha madeira que combina factores como resistencia, lixeireza e dispoñibilidade. A demanda de materia prima da fábrica centrarase en toradas de piñeiro de calidade, con bos diámetros, rectas e sen nós, de xeito que sexan aptas para a elaboración de madeira estrutural.
Os paneis de CLT que se elaborarán en Coirós acadarán os 12 metros de longo e ata 3 metros de alto. Son paneis que, en distintos espesores, poden ser usados para muros, forxados ou cubertas. Suministraranse desde a fábrica á obra xa coas medidas axeitadas e cos ocos correspondentes (portas, fiestras) xa habilitados.
O nome da empresa que está detrás da primeira planta de fabricación de CLT de Galicia é Xilonor. Trátase dunha sociedade que está impulsada por Finsa e que tamén conta coa colaboración de Maderas Goiriz. O investimento total ronda os 15 millóns de euros e espérase que a planta empregue a 30 persoas nun prazo de 3 anos.
A apertura da factoría supón un paso importante para a transformación da madeira na comunidade, pois ata agora a madeira estrutural que se empregaba na construción en España procedía principalmente de países como Alemania ou Austria, se ben tamén hai empresas que elaboran CLT en País Vasco e Cataluña. Coa apertura de Xilonor, Galicia posiciónase para suministrar CTL a toda a Península Ibérica e tamén para exportar ó resto de Europa.
Máis información na Voz de Galicia