Pino
de Galicia

A marca Pino de Galicia acada máis de 20 empresas adheridas nos primeiros meses de lanzamento do selo

A marca de garantía, creada pola Fundación Arume, consolídase así como un referente para prestixiar a calidade da madeira galega e para valorizala no mercado

A marca Pino de Galicia acada máis de 20 empresas adheridas nos primeiros meses de lanzamento do selo

A marca Pino de Galicia comezou a funcionar na práctica a inicios do 2022, cando quedou definido o seu regulamento e se abriu a porta para que as empresas do sector da madeira se foran sumando á marca. En só seis meses, máis dunha vintena de empresas xa lograron superar as auditorías precisas para certificarse na marca ou están ultimando ese proceso.

Espérase ademais que nos próximos meses continúen entrando na marca empresas de toda a cadea galega do piñeiro, pois moitas teñen manifestado o seu interese ou teñen comprometido o inicio inmediato do proceso de auditorías preciso para rexistrarse.

Este é o balance que presentou esta mañá en Galiforest o secretario do comité de marca de Pino de Galicia, David Lorenzo, que participou nunha xornada técnica sobre os retos e oportunidades ós que se enfrontan as coníferas. Lorenzo explicou como se foron inscribindo na marca empresas de toda a cadea da madeira, desde rematantes (os profesionais que cortan as árbores en monte) ata aserradoiros, empresas de segunda transformación da madeira e almacenistas.

A implicación de toda a cadea da madeira está a permitir certificar xa a madeira de Pino de Galicia desde o monte ata o consumidor final, pois a marca ampara tanto a materia prima (rolla) como os produtos de primeira transformación (táboa convencional e táboa estrutural), así como os produtos de segunda transformación (envases, tarimas, molduras ou CLT, entre outros).

A importancia da marca sitúase en garantir a trazabilidade, a calidade e a uniformidade da oferta. Pino de Galicia estableceu un sistema de clasificación de calidades, a fin de estandarizar a oferta ante o mercado, e está a contribuír así a prestixiar a madeira galega ante os prescriptores e consumidores finais.

Cómpre salientar ademais que toda a madeira de Pino de Galicia ten que contar cos selos de certificación forestal FSC ou PEFC, o que garante que, a parte de ter orixe galega, a materia prima procede de montes xestionados dun xeito sostible.

A marca Pino de Galicia acada máis de 20 empresas adheridas nos primeiros meses de lanzamento do selo

Xunto coa presentación da marca Pino de Galicia, a xornada de hoxe en Galiforest contou cunha intervención de Manuel Guaita (Pemade, USC) sobre as posibilidades da madeira de coníferas na construción; así como cunha ponencia de Laura Lozano (Maderas Goiriz, Vilalba) sobre a situación de mercado de Pino de Galicia.

Tralas ponencias, houbo un debate, moderado por Ana Busto (Serrerías Rodríguez) no que ponentes e público coincidiron no escenario optimista que se está abrindo para as coníferas, con boa demanda e con bos prezos que se esperan sostidos no tempo.

A xornada de hoxe en Galiforest, organizada pola Fundación Arume, contou coa cofinanciación da Axencia Galega da Industria Forestal.

 

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.