Pino
de Galicia

A Fundación Arume amosa nun vídeo as claves para a obtención de madeira de piñeiro de calidade

A peza aborda os requerimentos da industria para materia prima de calidade, que lle proporciona prezos diferenciais ós propietarios, así como o xeito de lograr esa madeira en monte

A produción de madeira de calidade é clave para toda a cadea monte – industria, pois permite destinar a madeira a usos de maior valor engadido. Eses usos de maior valor, como por exemplo a madeira destinada a construción (CLT, madeira para exteriores, etc.), repercuten en primeiro lugar nos ingresos que poden recibir os propietarios forestais pola venda de piñeiro en monte. E en último termo, a calidade da madeira contribúe a potenciar en Galicia unha industria de primeira e segunda transformación especializada en darlle valor á materia prima.

Co obxectivo de divulgar as claves para a obtención da madeira de calidade, a Fundación Arume vén de elaborar un vídeo que explica os requerimentos da industria e as vías de traballo en monte para adaptarse ás demandas dos aserradoiros. A cuestión principal a ter en conta é o coidado dos traballos silvícolas (podas, rareos), así como o emprego de planta de boa xenética.

Outro punto de interese do vídeo é a explicación dos criterios de clasificación da madeira da marca Pino de Galicia, que busca prestixiar a madeira galega no mercado pola vía de garantir a súa orixe e estandarizar a clasificación das súas calidades.

O vídeo ofrece as explicacións do enxeñeiro de montes Jorge Bouzas (Asociación Forestal de Galicia), do secretario da marca Pino de Galicia, David Lorenzo, e de José Lozano (Maderas Goiriz, Vilalba).

Con esta peza, a Fundación Arume continúa a serie divulgativa de vídeos sobre a madeira, cos que quere dar a coñecer o traballo da cadena monte industria de coníferas, destacando a ampla gama de usos e aplicacións que ofrece a madeira galega de piñeiro.

Este traballo conta coa cofinanciación de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

 

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.