A Fundación Arume amosa nun vídeo a potencialidade da madeira de Pino de Galicia para usos en exteriores de edificacións
A peza ensina dous proxectos de aloxamento turístico e outro residencial que empregan en exteriores madeira de Pino de Galicia. As empresas que traballan coa marca ofrecen produtos adaptados ás necesidades estéticas e de durabilidade do mercado
O emprego de madeira en exteriores de edificacións é unha opción que ofrece numerosas vantaxes, tanto a nivel de sostibilidade ambiental dos proxectos como a nivel estético e técnico. Co fin de amosar a potencialidade da madeira de Pino de Galicia en exteriores, a Fundación Arume elaborou un vídeo no que amosa tres proxectos executados con madeira galega, que se demostra adaptada ás distintas necesidades, pois cumpre coas esixencias técnicas e de durabilidade para usos exteriores.
En concreto, a peza ensina o complexo de cabanas de Beche (Abegondo, A Coruña), a iniciativa Cabañitas del Bosque (Serra de Outes, A Coruña) e un complexo residencial de apartamentos turísticos en Foxos (Sanxenxo), que está en execución.
O traballo complétase coas explicacións de Jorge Martínez, director executivo de Suites Nature (Cabanas de Beche), de Abel Castro, da empresa Hermanos Castro, que suministrou madeira termotratada para o proxecto de Cabañitas del Bosque, e de Juan Álvarez, da promotora Arial, que edifica un conxunto de edificios de apartamentos turísticos en Sanxenxo.
Con esta peza, a Fundación Arume continúa a serie divulgativa, conformada por vídeos e entrevistas, coa que quere dar a coñecer o traballo da cadena monte industria de coníferas, destacando a ampla gama de usos e aplicacións que ofrece a madeira galega de piñeiro.
Este traballo conta coa cofinanciación de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.